Tuesday 14 de May de 2024

Comunicado oficial do Grupo Municipal Socialista sobre a renuncia de Javier Fernández ás súas responsabilidades de goberno


O concelleiro José Javier Fernández Martínez vén de presentar un escrito no que manifesta a súa intención de continuar como membro da corporación municipal renunciando ás responsabilidades que tiña atribuídas de Relacións Veciñais, Barrios e Obras. Unha decisión que chega logo do cambio das competencias de Centros Socioculturais.

O reaxuste do goberno municipal é unha competencia exclusiva do alcalde, que toma as decisións pensando no mellor funcionamento do goberno e, sobre todo, no servizo á cidadanía de Santiago, procurando unha repartición das competencias que sexa operativa e adecuada á situación actual.

O concelleiro era coñecedor da decisión do alcalde de axustar as súas competencias delegadas dende o mes de setembro e dos motivos, claramente xustificados e sobradamente coñecidos, polos que se levaba a cabo.

É prerrogativa do concelleiro asumir as novas responsabilidades ou, no caso de non querer facelo, renunciar á súa acta. En ningún caso a discrepancia cun reaxuste na configuración do goberno, pode constituír unha desculpa aceptable para este comportamento. Asumir ademais as competencias de Relacións Veciñais, Barrios e Obras, como membro do goberno, supuña o compromiso engadido con toda a cidadanía de Santiago, que agora rexeita.

Javier Fernández accedeu á corporación municipal no marco da candidatura socialista, na que ocupaba o número 9, adoptando un compromiso cos votantes do PSdeG-PSOE e cos ideais reflectidos no programa co que se presentaba ás urnas, do que agora se desvincula. A súa continuidade como membro da corporación municipal constitúe unha falta de lealdade cos principios nos que se reafirmou no seu nomeamento.